Tres asociacións, A Golpe de pedal, Pedaladas e a Asociación Salinas do Ulló mobilizaron este domingo a ducias de persoas co obxectivo común de reclamar unha vía verde entre Pontevedra e Arcade. Demandan que se proceda a reutilizar as antigas vías do ferrocarril, actualmente en desuso, como sendeiro para ciclistas e peóns.
Co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade, os colectivos organizadores volveron saír a ría para demandar a recuperación das vías do tren fóra de uso e a creación dunha vía verde ciclista e peonil entre Pontevedra e Arcade. Lembran que no caso do tramo entre Redondela e Vigo este proxecto estaría xa en marcha logo de que Fomento cedera a cada un dos concellos o uso das antigas vías pero que ese paso aínda non se logrou no que é o tramo que vai dende Arcade ata a capital da provincia.
Insisten nos beneficios que suporía a creación deste sendeiro peonil e ciclista entre Vigo e Pontevedra, en moitos casos ao carón do mar, sendo non só un beneficio para os veciños que puideran darlle uso, senón tamén un valor engadido aos beneficios turísticos das zonas polas que pasa.