Alumnos, profesores e pais e nais de Cedeira acudiron na mañá de hoxe vestidos de negro ao colexio en protesta pola decisión da Consellería de Educación de reagrupar nunha única aula a todos os alumnos de sexto, un grupo de 26 rapaces que ata o de agora estaban separados en dúas liñas. Unha decisión que ten en pé de guerra a toda a comunidade educativa de Cedeira. Representantes do equipo directivo e do Concello están chamados a unha reunión con Inspección Educativa que se celebra a unha do mediodía. No caso de non chegarse a un acordo satisfactorio a Anpa xa convocou unha concentración esta tarde ás 20:00 horas ás portas do Concello.
Na mañá de hoxe a imaxe era insólita ás portas do colexio de Cedeira, con practicamente todos os nenos e profesores do centro vestidos de negro. Con esta iniciativa queren visibilizar a súa protesta ante a decisión da Consellería de reducir un profesor no centro o que supón ter que renunciar ao desdobramento do que viña gozando o alumnado de sexto curso.
Un total de 26 alumnos que asistían a clase en dúas aulas logo de que así o decidise no ano 2015 a Consellería, por recomendación do departamento de Orientación e atendendo as necesidades específicas que presenta.
Con todo, o pasado 3 de setembro coincidindo co arranque das clases, pais, nais e profesorado atopáronse coa decisión das autoridades educativas de reagrupar a todos os alumnos, unha decisión que non entenden tendo en conta que a necesidades especiais seguen a ser as mesmas e que tan só sería necesario manter ese desdobramento durante un ano máis, ata que estes rapaces pasen a secundaria.
Por este motivo, decidiron poñer en marcha unha serie de mobilizacións que continuarán esta tarde cunha protesta ás portas do concello en caso de que a Consellería non rectifique.