O ministro de Fomento, que visitou onte Galicia, explicou que se dirixiu “en dúas ocasións” á concesionaria da autoestrada, Audasa, e que están á espera de que a empresa conteste. Sobre o traspaso da AP-9 a Galicia, adiantou que “está en estudo” e que a próxima semana convocarase á comisión de seguimento.
Foron as palabras do titular de Fomento logo de reunirse co alcalde de Vigo. Unha xuntanza “moi satisfactoria” segundo ambas partes, ao anunciarse o desbloqueo de importantes proxectos para a área metropolitana. Ábalos atenderá á demanda de converter en urbano o tramo da AP-9 entre Teis e Vigo. Tamén comprometeu a liña directa de AVE entre Vigo e Madrid por Cerdedo, e a alternativa para a A55, o túnel da A52, que permitirá salvar o tramo máis perigoso da autovía entre Vigo e Tui.Na xuntanza que mantivo despois co presidente da Xunta, Ábalos confirmoulle a Feijóo que o AVE chegará a Galicia no 2020, compromiso que foi ben recibido polo presidente galego. Sobre o traspaso da AP9 a Galicia, tal como reclamou por unanimidade o arlamento galego, non foi tan optimista. Advertiu que se trata dunha cuestión “que afectaría tamén ás demandas doutras comunidades autónomas”. O titular de Fomento limitouse a lembrar que o Goberno socialista facilitou o debate sobre esta infraestrutura no Congreso dos Deputados que o PP impediu no seu día, e adiantou que a próxima semana convocarase á comisión de seguimento da AP-9 para abrir o debate sobre os detalles e as posibilidades que existen en relación co traspaso.