Logo da vitoria a pasada semana en Redondela ante o Lanzarote Zonzamas, o equipo de Elisardo Covelo “Chini” respira máis tranquilo. Impuxéronse nun difícil partido ante un rival directo con remontada incluída. Agora preparan o encontro que as enfrontará o sábado ao Lavadores en Vigo.
O comezo de temporada non foi doado para o equipo redondelán, que suma dúas vitorias e dúas derrotas nas catro xornadas que levan disputadas. O triunfo na casa ante as canarias, con remontada incluída, supón sumar dous puntos importantes pero tamén unha inxección de moral necesaria para o equipo “que nunca baixou os brazos”, como apunto o seu adestrador. Elisardo Covelo, “Chini”, advirte que nesta temporada “haberá que sufrir”. Prevé para este ano unha liga “máis dificíl e competitiva que a do ano pasado, e moi igualada”. O técnico redondelán explica que non hai grandes diferencias entre os equipos do grupo, e que a incorporación de tres club canarios complica máis a situación. Con todo, asegura que as súas pupilas “pelexarán por estar arriba”, como veñen facendo nos últimos anos, desde o ascenso á División de Honra Prata. Esta fin de semana tócalles xogar en Vigo. Visitan o pavillón do Lavadores. Un equipo “moi completo e cun dos mellores planteis da categoría”, malia ser un recén ascendido. Covelo asegura que terán que dar a batalla para poder traer un resultado positivo. A cita é o sábado ás 20.00 horas no pavillón municipal de Lavadores.