Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Campo do Viso contará con herba artificial

RR_Noticias

O Concello de Redondela publicou esta semana a licitación da obra de instalación de céspede sintético e a urbanización no Campo de Fútbol da Gándara, no Viso. Esta obra foi moi demandada polos veciños e o club de fútbol de Cesantes, usuario destas instalacións que ata agora contaban con firme de terra, o que o fai impracticable o terreo de xogo no inverno.

O proxecto realizado polo Concello conta cun orzamento de 476.000 euros e será financiado con cargo ao remanente, logo de ser aprobado no pleno municipal. Trátase dunha obra non exenta de polémica, xa que nunha moción do pleno aprobárase por unanimidade que a Deputación de Pontevedra financiase estas instalacións deportivas. Segundo denuncia o goberno local, no pleno da Deputación o PSOE votou en contra. Ante o que consideran “unha falta de compromiso” por parte da Deputación, o Concello financiará o novo campo de fútbol con fondos propios. As obras que se licitan inclúen 6.552 metros cadrados de céspede artificial, 625 metros cadrados de asfalto perimetral e 2.600 metros cadrados de zona axardinada. A obra inclúe a instalación da herba artificial, sistema de rego, saneamento e iluminación, así como o acondicionamento de todo o perímetro e un novo peche.
Reparación das pontes de madeira
O Concello vén de contratar a realización dos traballos de reparación das pontes de madeira sobre os ríos Alvedosa e Maceiras. Estas pontes atopábanse deteriorados polo paso do tempo e a falta de mantemento, polo que se realizará un traballo de recuperación integral. Consitirá no lixado e limpeza, aplicación de protectores e bernizado, ademais da reposición das pezas que se atopen en mal estado. As pontes que se tratarán serán a do inicio do Paseo do Maceiras, a que se atopa na Xunqueira, a ponte da Alameda e a de Santa Mariña. Os traballos orzamentados en 18.000 euros rematarán a vindeira semana se as condicións meteorolóxicas o permiten. Por outra banda o Paseo da Portela será reparado nos vindeiros meses polos alumnos do obradoiro de emprego xoven que están a realizar a especialidade de carpintería.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará