A corporación acordou reunirse coa comunidade educativa para demandar as melloras á Xunta de Galicia. Á sesión plenaria celebrada onte, a petición do BNG, acudiron varios pais de alumnos e representantes da ANPA co IES, que levan desde comezo de curso mobilizándose contra os problemas e os recortes do centro.
Entre as queixas das familias están a falta de auga quente nas duchas, a inexistencia dun patio cuberto para os días de choiva ou as reducidas dimensións da cafetería. En canto ao transporte escolar os usuarios do instituto denuncian a supresión de paradas. Segundo anunciou o alcalde, Agustín Reguera, a situación do novo instituto será debatida pola comunidade educativa “para obter unha análise real da situación en base ás conclusións dos implicados e dos profesionais da educación, non dos políticos”. O pleno extraordinario debatía a proposta presentada polo BNG de solicitar unha reunión coa Consellería de Educación para tratar a situación do novo IES de Soutomaior. Moción que finalmente se modificou tras a proposta do alcalde de reunir previamente a todos os axentes implicados. Segundo Reguera, “é necesario contar coa ANPA, cos representantes do centro e co consello escolar, para saber realmente cal é a súa opinión sobre o funcionamento do novo instituto antes de solicitar algo”. Durante a súa intervención, o alcalde defendeu o novo instituto cualificándoo como “un investimento exemplar” que supón “un gran avance para toda a comunidade educativa do municipio”. O voceiro do BNG, Manu Lourenzo, propuxo un acordo para que “dende o Concello se inste á Xunta a iniciar a fase 2 de construción do IES para que se solucionen estes problemas”. Unha proposta que, dixo, debe ser consensuada coa comunidade educativa.