O Choco volveu gañar en Santa Mariña, foi pola mínima ante o Alondras. Tamén nas categorías autonómicas o Arcade, o Cesantes e o Chapela. Na Terceira de fútbol sala gañou o Pazos e empatou o Campito. No balonmán feminino derrota dos dous equipos da División de Honra Prata, e no masculino gañaron o Chapela e a SAR, das primeiras nacionais e autonómica, respectivamente.
Terceira División
Choco 1-0 Alondras
Un gol de Gabri Palmás deulle os tres puntos ao Choco no partido disputado na mañá de onte, nunhca xornada moi fría en Santa Mariña. Os dous equipos fixeron gala do seu “xogo de toque”, e houbo ocasións para os dous rivais, que erraron de cara á portería. O único gol do partido chegou dunha falta lateral, que saíu curta e despexou Yahvé. Un novo rexeite na frontal deixou o esférico en bote para Gabri Palmás, que desde unha posición incómoda lanzou unha volea que entrou pegada ao poste. Por detrás no marcador, o Alondras dominou o xogo, con varias opcións de gol, pero sen acerto. Os tres puntos deixan ao Choco na 13ª posición da táboa. O domingo xogarán no campo do Silva, cos anfitrións afundidos no pozo da táboa, malia que vén de gañar no campo do Boiro.
Choco: Cortegoso, Carlos Pérez, Fiuza, Cañedo, Xián, Alberto Suárez, Nacho, David Martínez (Caloi, min. 73), Comis, Gabri Palmás (Antón Vilas, min. 88), Félix (Zamorano, min. 87).
Alondras: Cameselle, Jesús Varela, Agujetas, Aitor Díaz, Pablo García, Abel (Iván Pérez, min. 64), Yhavé, Osterholm, Raúl Gil, Álex Rei (Sina, min. 74), Jonás.
Gol: 1-0, min. 19: Gabri.
Primeira Autonómica
Arcade 3-1 Caselas
Importante vitoria do Arcade, que se mantén no ecuador da táboa. A próxima fin de semana xogan no campo do Umia.
Segunda Autonómica
Sampaio 0-1 Cesantes
O Cesantes impúxose no campo de terra do Sampaio e suma tres puntos máis, que lle permiten situarse nunha posición cómoda na táboa. O próximo domingo recibe ao Cruceiro, co rival cun puntos menos no casilleiro.
At. Vilar 0-3 Candeán
Os vigueses levaron os tres puntos de San Martiño, unha derrota que deixa aos de Mon Sanromán na 10ª posición da táboa. Na próxima xornada visitan o campo do Caldelas, cos anfitrións situados na metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica
Nespereira 2-5 Chapela
Os de Chapela conseguiron unha importante vitoria a domicilio, que os sitúa na metade da táboa. Na próxima xornada recibirán ao Coia, da parte baixa do grupo.
Fútbol Sala Terceira División
Sport Sala Culleredo 3-3 Campito
Os de Chapela non foron quen de pasar do empate na casa dun dos seus rivais directos na parte baixa da táboa. E difícil partido o da próxima xornada, xa que reciben ao Ribeira F.S., un dos equipos fortes do grupo.
Pazos de Borbén 10-6 O Parrulo B
Os de Fran Amoedo son líderes ao adiantar ao Parrulo nun emocionante encontro con moitos goles. A próxima xornada xogarán no pavillón do Santa Isabel F.S., equipo tamén moi forte, 4º do grupo, empatado a puntos co 2º e 3º.
Balonmán Primeira Honra Prata Feminina
Valladolid 32-23 SAR Rodavigo
A Sar Rodavigo medíase a un dos equipos máis fortes do grupo, o Hand Vall Valladolid, que foi moi superior. As de “Chini” aguantaron a superioridade das anfitrioas ata os últimos minutos. Na recta final as locais racharon o marcador. A derrota deixa ás de Redondela no 9º posto. Na próxima xornada reciben ao Tenerife, coas canarias na 6ª praza.
Lavadores 23-17 Cíes Chapela
Malia que comezaron por diante, as de Chapela non puideron aguantar o ritmo das anfitrioas. As viguesas déronlle a volta ao marcador e levaron o partido. Seguen sen puntuar, e tentarán sumar os seus primeiros puntos na casa ante o Siero, outro dos equipos da parte baixa da táboa.
Nacional Masculina
Rodosa Chapela 37-20 Octavio
Os de Fran Teixeira pasaron como unha tromba ante o Academia Octavio, que só opuxo resistencia durante os primeiros dez minutos de xogo. O Chapela é agora 5º, a dous puntos do líder. Na próxima fin de semana viaxan ao Grove. Mediranse ao Rasoeiro no Monte da Vila.
Primeira Autonómica
C.Ourense 21-22 SAR
Por un gol de diferencia a SAR colleitou un importante triunfo en terras ourensás, que lle serve para situarse na 4ª praza. A próxima xornada reciben en Redondela ao Deza, un posto por baixo.