O Concello de Soutomaior vén de presentar o seu programa de actos co gallo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero o próximo 25 de novembro. A campaña contará con actividades nos centros escolares, obradoiros, teatro e un concerto do grupo Cinta Adhesiva.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de igualdade, Cristina González, fixeron pública a nova campaña municipal de concienciación titulada “#Imparables”, coa que o Concello pretende “concienciar á poboación sobre a necesidade de afrontar esta secuela social de maneira contundente”, segundo afirmou o alcalde. A campaña terá dúas liñas de actuación, unha primeira que se desenvolverá no Centro de Información á Muller de Arcade, que incluirá varias actividades, e unha segunda liña na que se implicará a todos os alumnos de primaria e secundaria do municipio con actividades no seu centro educativo. O programa escolar levarase a cabo até o próximo día 23 deste mes e pretende continuar o traballo realizado o pasado ano durante o proxecto “E ti que fas pola igualdade?”, no que se abordaban diversos conceptos sobre a igualdade de xénero de forma positiva e desde a propia responsabilidade. Ademais, o 20 de novembro terá lugar a representación teatral “Contamos todas”, da compañía Tropa do Carallo. O espectáculo estará dirixido aos alumnos de bacharelato e combina historias contadas con música en directo para inculcar valores como a igualdade, o respecto e a liberdade. Por último, o 25 de novembro, o Multiusos de Arcade acollerá diversas actividades. Ás 16:30 horas comezarán os primeiros obradoiros con actividades para os máis pequenos e tamén sobre igualdade para homes e mulleres. Ás 19:00 procederase á lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero que abrirá o concerto do grupo “Cinta Adhesiva”. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, quixo facer un chamamento para que todos os homes se impliquen “de maneira real” nesta loita, xa que “ser indiferentes fainos cómplices”.