Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior remata a campaña anual contra a vespa velutina logo de retirar máis de 220 niños

RR_Noticias

Coa chegada da choiva e as baixas temperaturas propias do inverno, o Concello de Soutomaior dá por finalizada a súa campaña anual contra a vespa asiática coa retirada de máis de 220 niños. A iniciativa completouse con varias campañas de trampeo e concienciación entre os veciños.

Os traballos de retirada dos niños realizáronse por diversos medios, dependendo da localización do niño e da dificultade para o seu acceso. Os máis comúns retiráronse con medios propios do Concello e grazas ao grupo de apicultores voluntarios que colabora co consistorio na campaña contra a velutina. Para retirar os niños que se atopaban fóra do alcance das pértegas e medios tradicionais, contratáronse os servizos dunha empresa especializada. O concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Fernández, sinalou a “menor incidencia” da vespa velutina este ano, en contraposición co ano pasado “cando houbo un aumento de niños e avisos moi grande”. Ademais, segundo explicou o edil “agora o Concello está mellor preparado”. Soutomaior conta cos medios para actuar “o máis rápido posible” e a colaboración cidadá está a ser “fundamental” para o éxito da campaña de retirada. Insistiu en que é importante que os veciños “avisen canto antes para poder actuar”.
Campañas de trampeo
Como apoio á retirada dos niños o consistorio estableceu dúas iniciativas de trampeo. A primeira consistiu na repartición de máis de 100 trampas entre os veciños que o solicitaron e 150 botellas de cebo líquido para enchelas. A segunda ten como obxectivo garantir a seguridade dos veciños nas contornas públicas e comprende a instalación de trampas en zonas especialmente sensibles como xardíns, parques infantís, zonas de praia e a contorna de edificios públicos. Ademais, desde o Consistorio fíxose entrega de gran cantidade de material e equipamento ao grupo de apicultores que colabora co Concello nas campañas de retirada, como pértegas extensibles, traxes, luvas, biocidas específicos, etc. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que os traballos de vixilancia continuarán durante as próximas semanas “para atender aos niños que agora se detectan coa caída das follas das árbores propia desta época do ano”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará