A cidadanía de Chapela non queren máis “excusas”. Esta pasada fin de semana, convocados polas asociacións de veciños de Chapela e Teis, colapsaron a peaxe entre Vigo e Redondela co pago en céntimos nas cabinas. Esixen que se cumpra o compromiso de Fomento de eliminar esta peaxe “inxusta” e que se realicen na parroquia as obras de resposición logo da “desfeita” que supuxo a ampliación da AP-9.
O sábado máis de 150 coches colpasaron a peaxe e a autoestrada AP-9 nunha nova protesta dos veciños de Chapela e Teis. Demandan que o Ministerio de Fomento cumpra o compromiso acordado coa Xunta a comezos de ano para eliminar a peaxe entre Vigo e Redondela. Pagaron con moedas de 1 céntimo o prezo da peaxe, 0.90 euros. A iniciativa partiu das dúas asociacións veciñais, que se concentraron ante o pavillón de Chapela. Marcial Pérez, presidente do colectivo redondelán, cualificou de “éxito total” esta convocatoria. Lembra que houbo un acordo entre as dúas partes -Fomento e Xunta- que se ía a implementar en setembro con Audasa. Con todo, os novos responsables de Fomento deron marcha atrás e agora reclaman un estudo de tráfico e outros informes antes de asinar coa concesionaria. Para Pérez “son excusas”, e lamenta que a administración estea a tomar aos veciños “por parvos”. Agradeceu o apoio da asociación de empresarios e de transportistas, así como dos representantes do PP, PSOE e BNG, que participaron na movilización. Asegura que se van a repetir as mobilizacións se Fomento non ofrece unha solución de maneira urxente e fai un chamamento para que sexan todos os veciños do municipio de Redondela, e non só os de Chapela, os que participen en futuras protestas, xa que esta situación “afecta a todos”. Comisión de seguemento O próximo 13 de decembro está convocada unha xuntanza da comisión de seguemento das obras da AP-9. Marcial Pérez confía en que desta vez, acudan tanto os representantes do Ministerio de Fomento como de Audasa, e que concreten as datas e o proxecto para as obras de mellora recollidas na “adenda” aprobada polo Consello de Ministros hai un mes. Trátase das reposicións dos viais afectados, a ampliación da ponte de Trasmañó e a instalación de pantallas acústicas, entre outras obras.