Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela e Mos constitúen unha comisión para aclarar o deslinde na zona de Arrufana

RR_Noticias

Onte reuniuse por primeira vez xunto ao miliario de Santiaguiño, no Camiño Portugués, a Comisión Intermunicipal de Deslinde entre Redondela e Mos, á que asistiron os alcaldes dos dous Concellos, Javier Bas e Nidia Arévalo, xunto con varios concelleiros e técnicos municipais de ambas administracións locais, así como dous dos veciños das zonas implicadas en cada municipio. O obxectivo desta comisión é “aclarar os lindes exactos entre Redondela e Mos na zona de Arrufana”.

O seguinte paso a dar a continuación é a contratación dun estudo topográfico, que determine onde se atopan exactamente os supostos fitos ou marcos, que continúan dende o do miliario do Santiaguiño, e que mida a liña exacta de deslinde na zona. Unha vez realizado ese estudo topográfico ambas partes analizarán as medicións resultantes do mesmo, así como a documentación existente a este respecto, tanto do Instituto Xeográfico Nacional como do Catastro. Logo volverán reunirse en comisión para tomar unha decisión. Se as partes chegan a un acordo redactarase unha acta de deslinde conxunta que sería elaborada entre o secretario municipal de Redondela e a secretaria de Mos. Unha vez redactada, debe ser aprobada en Pleno por parte de ambas Corporacións Municipais. Deste xeito o deslinde xa pasaría a ser oficial a tódolos efectos, unha vez comunicado á Xunta de Galicia e ao Instituto Xeográfico Nacional. En caso contrario, cada Concello redactaría a súa propia acta e comunicaríalla á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta para que o Instituto Xeográfico Nacional poida informar ao respecto. O encontro celebrado onte estivo marcado “pola boa sintonía” entre os alcaldes Bas e Arévalo, “en aras de solucionar unha problemática histórica”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará