Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco xa sabe gañar fóra da casa

RR_Noticias

O equipo redondelán sumou a súa primeira vitoria a domicilio no campo do Porriño, o pechacancelas. Na Primeira Autonómica o Arcade gañoulle ao Guardés, mentres na Segunda Cesantes e Vilar non pasaron do empate. Na Primeira Nacional de balonmán o Chapela gañou en Camariñas nun partido bronco, que rematou con invasión do campo por parte do público local e a intervención da Garda Civil.

Terceira división
Porriño Industrial 1-2 Choco
O Choco sobe un posto na táboa coa vitoria en terras porriñesas, pero ademais saca de enriba un importante lastre ao gañar o seu primeiro partido fóra da casa. Fíxoo no campo do pechacancelas grazas aos goles de Félix e Comís. Os de Gonzalo Fernández impuxéronse no segundo tempo, mentres que o conxunto porriñés, que empatou logo do primeiro gol, tentou non perder o control do encontro. Na primeira parte pouco xogo, con ningunha ocasión clara de gol. Tras o descanso o Choco estivo mellor situad, e nunha brillante combinación de Comís con Jacobo pola banda, con pase de balón a Félix, cehgou o primeiro gol do partido. O Porriño recompúxose cun centro de Campo que Benja rematou a portaría para facer o empate no minuto 59. Durante 10 minutos mantívose o empate, pero o ao final o Choco tivo a última palabra. Logo dun centro lateral de Cora, Comís fíxose co balón e anotou o 1-2 definitivo. O Choco é agora 11º, na próxima xornada reciben ao Barco, 3º na táboa.
Porriño: Miguel Fontán, Isma, Portas (Bruno, min.82), Alberto García , Cristian Dacosta “Pelouro”, Areal, Fran (Caramés, min 62), Edu Dá Concepción, Benja Gómez, Carlos Campo (Gabri, min. 76), Richi.
Choco: Cortegoso, Lazacano, Xian, Aitor, Samu, Carlos Rodríguez, Comis (Carlos Pérez, min. 89), Gabi Misa, Palmas (Nacho, min. 69), Félix, Cora (Vilas, min. 88).
Goles: 0-1, min. 53: Félix. 1-1, min. 59: Benja Gómez. 1-2, min 69: Comis.
Primeira Autonómica

Arcade 2-1 Sporting Guardés
Adiantouse o Guardés nun man a man resolto por Tucho. Santi, de falta directa, estrelou o balón no pau previamente. Na segunda metade, cos cambios de Edu e Dani Bouzón, o Arcade foi mellor e remontou en apenas dez minutos, completando unha gran segunda metade. O equipo de Juan Amoedo é agora 4º, empatado co Umia 3º. Está a 1 punto do segundo, o Pontevedra, e a 4 do Portonovo, líder do grupo. A próxima xornada visitan o campo do Salvaterra, situado na parte baixa da táboa.
Segunda Autonómica

At. Vilar 0-0 Teis
Os de Mon Sanromán non conseguiron pasar do empata en San Martiño ante o Teis. Os de Vilar ocupan o 13º posto, na próxima xornada reciben ao Xinzo, situado na metade da táboa.
Cesantes 3-3 Deiro
Reparto de puntos tamén en Cesantes, agora na 10ª posición. Na próxima xornada visita un dos campos máis fortes do grupo, o do Mosteiro.
Terceira Autonómica

Chapela 4-1 Oiense
O Chapela mantén o 6º posto logo da vitoria ante o Oiense, e repite como local na próxima xornada, cando recibirá ao S.Esteban, 2º na táboa.
Santomé 1-3 Soutomaior
O Soutomaior mantén a 2ª posición da táboa logo de gañar no campo do Santomé. Na próxima xornada repite como visitante, será no terro do Monteporreiro, 9º clasificado.
Fútbol Sala. Terceira División

Praias de Barreiro 4-3 Campito
Os de Chapela non saen dos postos de descdenso logo da derrota no pavillón municipal de Barreiros. O domingo reciben en Chapela ao Gonnaba Parrulo B. A cita é ás 19.00 horas.
Pazos 6-4 Red Blue Vigo
Os de Fran Amoedo manteñen o liderado do grupo logo da vitoria ante o Red Blue Vigo 2015. O próximo domingo xogarán na Coruña ante o Academia Red Blue, cos anfitrións na metade da táboa.
Balonmán Primeira Nacional Masculina

Camariñas 27-33 Rodosa Chapela
Lamentable espectáculo o que esta pasada fin de semana se vivía no pavillón de Camariñas, onde foi necesaria a intervención da Garda Civil. Foi o equipo de Chapela o que solicitou a súa presenza tras os incidentes co rival e o público local, que saltou á pista. O desagradable suceso, como explica o técnico Fran Teixeira, sucedeu no minuto 14 da segunda metade. Un xogador do Rodosa revolveuse despois de recibir un golpe e organizouse un balbordo entre xogadores ao que se sumaron persoas do público. Os árbitros resolveron a situación a nivel regulamentario expulsando con cartón azul a dous locais, Fateira e Carril, e dous visitantes, Figueirido e Vidal. Ante a presión do público local sobre o equipo de Chapela, o corpo arbitral deixou a criterio dos de Teixeira continuar o partido, que ían gañando, ou suspendelo. Os redondeláns decidiron rematar o partido, pero coa presencia da Garda Civil “para garantir a seguridade” no pavillón. Logo de hora e media de espera, xa que os axentes se desprazaban desde Corcubión, continuouse o partido. Logo da vitoria puideron abandonar Camariñas sen máis incidentes. Os de Fran Teixeira manteñen a 5ª praza, e na próxima xornada recibirán en Chapela o Cañiza, un posto por baixo dos redondeláns.
Balonmán División de Honra Prata Feminina

SAR Rodavigo 26-27 Carballal
O conxunto redondelán dominou a primeira parte e foise ao descanso cunha renda de dous goles (15-13), pero na segunda metade as viguesas remontaron, unha vitoria que as mantén no sexto posto da clasificación con 16 puntos. A SAR, pola súa banda, cae á novena praza con 11.
Cíes Obra civil Chapela 23-24 Lanzarote
As de Chapela rozaron o primeiro triunfo da tempada, pero acabaron perdendo pola mínima ante o Renault Juan Toledo Lanzarote (23-24). O sete goles de Sandra Loureiro non foron suficientes para que o conxunto local sumase os primeiros puntos da liga, polo que o vindeiro sábado afrontarán o último partido do ano como pechacancelas.
Primeira Autonómica

SAR PlasticOmnium 35-22 Viveiro
Logo do parón ligueiro os de Diego Lorenzo melloraron a súa eficacia goleadora ante o Viveiro cun abultado marcador. Os de Redondela manteñen o 4º posto, e na próxima xornada visitan a pista do Porriño, 9º do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará