Valoración negativa a que fan os socialistas da inversión que fará a Xunta este ano no noso concello e que segundo recollen os orzamentos concretarase en dúas actuacións: 200.000 euros para a mellora de abrigo no porto de Cesantes e 426.000 para a construción do novo colexio Igrexa. O partido vén de presentar unha moción para instar á Xunta a que inclúa nos orzamentos obras “prioritarias” como a cuberta do colexio Santa Mariña ou a reparación do ambulatorio de Chapela.
O deputado socialista, Abel Losada, visitaba esta tarde Redondela para facer unha valoración das partidas destinadas ao municipio nos orzamentos xerais da Xunta para este 2019. Xunto ao colexio Santa Mariña, e acompañado polo secretario local do partido, Leonardo Cabaleiro, e a candidata á alcaldía, Digna Rivas, Losada criticaba que só se recollan dúas partidas para Redondela, “promesas eternas, insuficientes, que aparecen sistematicamente nos orzamentos e nunca se executan”. Nuns orzamentos que considera son unha “ferramenta electoral dos populares de cara ás eleccións municipais”. A candidata Digna Rivas, cualifican de “irrisorio” ese investimento, que sumará pouco máis de 600.000 euros, entre o porto de Cesantes e o colexio de Chapela, e explicaba que veñen de presentar unha moción para instar á administración autonómica a que inclúa nos orzamentos partidas para a construción da cuberta do CEP Santa Mariña, a mellora do ambulatorio de Chapela, a reparación e creación de novas redes pluviais en Redondela, así como melloras na seguridade viaria na rúa Mendiño. Actuacións que os socialistas presentaron como emendas aos orzamentos, pero que foron rexeitadas.