PSOE e BNG amosaron a súa preocupación ante a posible desaparición do festival logo de que Fernando Carreira Cuchi anunciara a súa dimisión como director do evento cinematográfico. Malia o anuncio do goberno local de que o festival se vai continuar celebrando, aínda que posiblemente en datas posteriores, entenden os grupos da oposición que a situación é produto da falta de interese e colaboración do goberno nos eventos culturais.
O máis belixerante nesta cuestión é o voceiro do BNG quen entende que a supervivencia do Redondela en curto está en cuestión e supón “un serio revés na dinámica cultural redondelá que, como noutros eidos, esmorece pola falla de apoio do goberno municipal”.
Valora moi negativamente Xoán Carlos González a xestión realizada dende a administración local, centrando as críticas no papel do alcalde de Redondela. “A posibilidade da desaparición do Redondela en Curto constitúe unha mostra do escaso interese do goberno de Javier Bas, en promocionar eventos culturais que non pode controlar politicamente. Xa van varios eventos que desapareceron como o Ventorock, Ventofolk ou poñer en risco a conmemoración da Batalla de Rande do ano 2017” e conclúe acusando ao goberno local de estar “dilapidando a dinámica cultural de base, que sempre caracterizou ao noso concello”.