Os escolares de Soutomaior participan dunha iniciativa que busca compoñer música rap con letras que falen da violencia de xénero. A iniciativa inclúe un concerto e a creación dun graffiti reivindicativo na entrada o IES Soutomaior o próximo 8 de marzo.
Unha canción, un graffiti ou unha simple rima, todo serve para enviar unha mensaxe clara contra a violencia de xénero. Ese é o obxectivo principal do proxecto que as concelleiras de Xuventude e Igualdade, Noelia Ocampo e Cristina González, presentaron no IES de Soutomaior. Unha iniciativa na que participarán máis de 120 alumnos de secundaria e finalizará o próximo 8 de marzo coa creación dun gran graffiti e un concerto coas cancións dos alumnos.
O proxecto contempla que durante mes e medio os mozos aprendan a compoñer as súas propias letras e melodías musicais, a crear todo tipo de rimas e situar os golpes de voz para resaltar unha mensaxe, todo co obxectivo de empregar o valor reivindicativo da arte e a música moderna como vehículo para difundir a súa mensaxe contra a violencia de xénero.
A iniciativa conta con varias unidades didácticas destinadas a fomentar valores de igualdade entre os alumnos como a destinada a coñecer a obra de varias mulleres artistas e de especial relevancia na arte contemporánea.
A actividade finalizará o Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, con dúas actividades. En primeiro lugar os alumnos crearán un gran graffiti colectivo no que representará a súa mensaxe contra a violencia de xénero e co que decorarán os muros do novo instituto. A continuación celebrarase un gran concerto no que os alumnos farán públicas as súas composicións musicais.