Os grupos da oposición (PSOE, AER, BNG e edil non adscrito) fixeron valer a súa maioría e sacaron adiante a moción presentada pola Plataforma de Activistas e Artistas de Redondela “Sinha Paca” na que reclaman un cambio na política cultual do goberno local que, segundo din, está a provocar a perda de diferentes festivais xa consolidados ao atoparse os seus promotores con continuos atrancos. O PP rexeitou as críticas alegando que a programación cultural de Redondela ten “un elevado nivel, tanto a programada polos colectivos como polas propia concellería”.
Minutos ante do pleno ducias de veciños concentrábanse diante do Multiúsos para protestar polo que cualifican de “perda cultural dramática” lembrando que nos últimos tempos teñen desaparecido numeroso festivais como o Ventorock e o Ventofolk, o magosto Furtivo do Viso, o ArrastroRock ou o Arde Rande, ao que se sumaba recentemente o Redondela en curto logo de que presentara a súa dimisión o director do evento, Fernando Carrera Cuchi. Cualifican ademais de “insultante prepotencia pro parte do alcalde anunciar que o festival se vai realizar si ou si, apropiándose dunha xestión que non lle pertence”. Un dos representantes da plataforma, Pedro Pérez, era o encargado de trasladar ao pleno as súas demandas que pasan por adoptar diferentes medidas que sirvan para reconducir o que cualifican de “lamentable situación” en referencia aos “continuos atrancos e a falta de colaboración por parte do concello”. Por este motivo reclaman que dende o goberno se inicie un diálogo canto antes cos colectivos e asociación culturais e que se elabore un inventario do material que poida ser cedidos aos colectivos para facilitar a organización dos diferentes eventos. Críticas ás que se sumaban todos os grupos da oposición. Así, o edil non adscrito Enrique Fojo criticaba que o goberno local “amose unha absoluta falta de interese nos eventos que non poden controlar”. Dende o BNG, Xoán Carlos González falaba dun “maltrato ao movemento cultural de base dende a Concellería de cultura” que se traduce na desaparición de diferentes eventos de relevancia, entre eles, o Redondela en curto. Falaba tamén Xosé Covelo dende AER do ninguneo que padecen as actividades culturais organizadas dende as diferentes asociacións e lembraba que todas as iniciativas postas en marchas dende a Concellería quedaran en papel mollado. Unhas críticas que tamén tivo que escoitar o PP na voz da socialista Digna Rivas quen salientaba o feito de que polo departamento de cultura pasaran xa catro concelleiros o que se traduce, segundo dixo “en improvisación ,caciquismo e clientelismo”. A voceira popular, Carmen Amoedo respondía afirmando que “non existe perda cultural algunha en Redondela, porque tanto a programación organizada dende os colectivos como dende a concellería ten un elevado nivel”. Engadía que o goberno local sempre se caracterizou pola “súa vontade de diálogo e axuda” e criticou a Plataforma Sinha Paca por “outorgarse o dereito a falar en nome de todos os colectivos cando hai moitos que non comparten os seus posicionamentos”.