O Multiúsos de Arcade acolle este sábado o día grande da Semana da Ciencia que se está a desenvolver no concello de Soutomaior coa colaboración da entidade Ciencia en Movemento, un grupo de científicos que de xeito ameno e divertido trasladan a nenos, e non tan nenos, a ciencia e todos os seus misterios.
Baixo o eslogan “prohibido non tocar” o Multiúsos de Arcade converterse durante un día nun museo cargado de experimentos sinxelos que permitirán aos que ata alí se acheguen coñecer dun xeito práctico e ameno como funcionan algúns principios básicos da ciencia. Un museo itinerante recomendado a nenos e nenas dende 5º de primaria ata 2º de bacharelato pero que esperta tamén o interese dos maiores. Celebraranse tamén dous obradoiros “Fire” no que os participantes xogaran con experimentos nos que se precisará do lume para comprender o seu funcionamento e Kids un obradoiro práctico con multitude de experimentos xerais con globos,confetti, carreiras de latas e auga que non cae. Xa as 20:00 horas haberá unha mesa redonda sobre as vocacións científicas con Leticia Costas,Paula Rodiño e Xiana Alfaya e pechará a xornada o espectáculo Da palanca ao láser ás 21:30 horas.