A recompilación de poemas e textos de Mª José Mateo feita polo seu fillo Joshua leva pro título “No camiño do vento” e presentarase este xoves día 7 no Multiúsos do Piñeirla ás 20:00 horas. Unha iniciativa que busca homenaxear a Sesé no segundo aniversario do seu asasinato a mans da súa ex parella. Un libro e un proxecto que quere lembrar a súa memoria, visibilizar a violencia de xénero e recadar fondos para axudar os nenos e nenas que quedan orfos vítimas da violencia machista. O proxecto está aberto á colaboración a través da páxina www.sesemateo.es.
O proxecto nace logo de que o fillo de Sesé, Joshua, atopase unha serie de escritos da súa nai. Uns poemas aos que se uniron outros textos que Sesé enviara a amigos e familiares no pasado. Unha pequena biografía e unha reflexión en torno á violencia contra as mulleres completan o libro “No camiño do vento”, unha publicación que é moito máis, é un proxecto no que están involucrados moitos dos que coñeceron e quixeron a Sesé e unha iniciativa que busca tamén reunir cartos para todos eses nenos e nenas vítimas da violencia de xénero que en moitas ocasións quedan completamente desamparados cando as súas nais son asasinadas.
Por ese motivo, os cartos que se recaden coa venda do libro irán parar a “Fundación Mujeres”. 10 euros que se dedicarán a axudar a nenos e nenas orfos pola violencia machista a través do Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto.