A comparsa Endulzando el carnaval fíxose co primeiro premio no concurso celebrado na mañá de onte e no que participaron un total de 22 comparsas e máis de 1300 persoas. Xa pola tarde a queima do meco e a tradicional tirada de fogos de artificio, precedida por un espectáculos de circo, malabares e música, servía para pechar un entroido que se prolongou máis do previsto debido ao mal tempo que obrigou adiar unha semana todas estas actividades.
“Endulzando el Carnaval” da Asociación Os da Casa de San Andrés de Comesaña de Vigo fíxose onte co primeiro premio no desfile de comparsas que se celebraba pola mañá. Os da caña menuda coña quedaron clasificados en segundo lugar e o terceiro premio foi para Estrelas da noite. Como novidade este ano concedéronse tamén os premios á mocidade para Trazos, o premio Inclusión ao CAPD de Chapela e o Premio Xovial que recaeu na comparsa de Cedeira “Terra de Condes”.
Pola tarde repetiuse concurso pero nesta ocasión máis libre, con grandes e pequenos facendo un pequeno desfile diante dos soportais baixo a atenta ollada do xurado que se atopaba nos balcóns do concello. Un grupo de alieníxenas acompañados da súa nave espacial foron merecedores do primeiros premio.
A continuación un dragón branco de gran tamaño percorreu as rúas ata chegar ao meco, unha figura que quería representar a inxustiza de Fomento por manter a peaxe en Rande e esixir a liberalización dese tramo de autoestrada. Un boneco que era reducido a cinzas logo dun espectáculo de acróbatas e música. A tradicional tirada de fogos de artificio servía para pechar a programación do entroido deste ano que no día anterior vivía tamén en Chapela unha tarde de festas, cor e animación co Enterro do Berete.