O teatro Afundación acolle esta tarde a Gala do Deporte de Vigo e Comarca, que celebra a súa vixésima edición co ánimo de recoñecer e premiar aos protagonistas do 2018 a nivel deportivo. Deportistas en activo de todas as modalidades, clubs como o Peña Trevinca no seu 75 aniversario, patrocinadores e grandes lendas do deporte como o ciclista Alvaro Pino, atópanse entre os galardoados nesta edición, entre os que atopamos tamén a Manuel Conde, máis coñecido como Manolo Casa Paco, que recibirá unha mención especial na categoría de directivo.
Fundador do grupo Casa Paco e impulsor do fútbol sala en Redondela, Manuel Conde subirá hoxe ao escenario do Teatro Afundación para recoller este recoñecemento procedente da organización da Gala do Deporte de Vigo. Unha mención que recoñece “recibín emocionado cando me chamaron” e que se suma a innumerables mostras de cariño e recoñecemento que ten recibido ao longo dos anos polo seu traballo incansable a prol do deporte infantil.
A gala arrancará ás 20:30 horas e durante a mesma coñeceranse os gañadores das categorías absoluta e promesa e entregaranse as catorce mencións especiais e o premios especial do xurado que recaerá en Judith Rodríguez, do club esgrima Vigo pola súa destacada traxectoria tanto a nivel internacional e polo seu enorme exemplo de superación tras sufrir un accidente.