O Motoclub de Redondela organiza en colaboración co concello esta marcha reivindicativa que se vai celebrar na tarde do sábado 6 de abril. Unha convocatoria “pacífica e festiva” que consistirá en percorrer os sete quilómetros que separan a Avenida Mendiño da rotonda de Cabanas Rande, onde se atopa a cabina de peaxe, para esixir que se elimine “unha peaxe inxusta e abusiva” en palabras do presidente do Motoclub, Carlos Figueroa.
En plena precampaña vai celebrarse esta marcha moteira que ten como obxectivo sumar a forza dos afeccionados a estes vehículos de motor, a unha petición que tamén lle afecta de cheo “os moteiros tamén estamos afectados directamente como usuarios dese tramo de autoestrada, un dos máis caros de España” explica Figueroa, quen fai un chamamento a todos os que teñan unha moto participar nesta marcha reivindicativa o vindeiro 6 de abril. A protesta sairá ás 17:00 horas dende a Avenida Mendiño en dirección a rotonda de Cabanas e regreso “en total uns 14 quilómetros nos que os motoristas vestidos de negro trasladarán a súa reivindicación pola N-552”. Confían en congregar a máis de 500 moteiros “porque nos están confirmando a súa presenza afeccionados de Valladolid, Ponferrada, León e Portugal”.