O Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Redondela vai estudar o acordo alcanzado entre a oposición de Pazos de Borbén e a Comunidade de Montes de Amoedo. O acordo, aprobado en Pleno, busca poñer fin ao conflito que ten bloqueado dende fai anos o polígono industrial de Amoedo e xa contemplaba que sería levado a instancias xudiciais para a súa homologación. Buscaba, deste xeito, ofrecer a maior seguridade xurídica, ao non entrar en vigor ata que o Xulgado ditamine que é acorde coas sentenzas ditadas.
Luciano Otero, voceiro da Agrupación de Electores Alternativa Veciñal móstrase esperanzado, “temos confianza en que vai ser validado polo xulgado, porque non é nada que non se fixera antes. Un conflito idéntico ao de Amoedo xa foi resolto no concello de Mos cun acordo case idéntico”.
Refírese o edil ao litixio sobre o monte Faquiña que concello de Mos e comunidade de montes de Tameiga solucionaron repartíndose ao 50 % os ingresos dunhas parcelas industriais que ocupara o concello e que a xustiza fallou que eran monte comunal.
Falando tamén deste caso, Miguel Míguez, presidente da Comunidade de Montes de Amoedo, lamenta que “a posición do PP en Pazos de Borbén é totalmente contraria a que mantivo en Mos. Alí o concello non presentou ningún recurso, dialogou e en dous meses tiñan un acordo”. Segundo Míguez, a actitude hostil e de boicot do goberno municipal estalle a causar grandes prexuízos a un concello necesitado de criar actividade económica, “estamos a recibir peticións de empresas para instalarse no polígono, pero mentres isto non se resolva non podemos asinar novos alugueiros.”
Coinciden, Otero e Míguez, en que a solución do conflito sería beneficioso non só para a parroquia de Amoedo, senón para todo o Concello vía impostos, postos de emprego… Así, ambos agardan que o concello abandone as posturas obstrucionistas e cumpra á maior brevidade e dentro dos prazos o requirido polo xulgado: o nomeamento do letrado e a sinatura do escrito co acordo.