O Multiúsos da Xunqueira acolle este venres ás 20:30 horas unha charla sobre pautas dietéticas para pacientes oncolóxicos que será impartida por María Pérez Muñoz. A dietista-nutricionista será a encargada nesta conferencia de facilitar todos os consellos precisos para levar unha alimentación adecuada.
Ó longo da conferencia explicarase a importancia de ter unha alimentación correcta e saudable durante o tempo que duran os tratamentos. Manter unha dieta apropiada é de vital importancia para que o organismo funcione correctamente. Os pacientes que se alimentan ben durante os tratamentos oncolóxicos son capaces de tolerar mellor os efectos secundarios. Ademais, unha boa alimentación axuda a previr lesións en determinados tecidos ou facilita a reparación naqueles que xa están danados, entre outros moitos beneficios. A froita e as verduras, os cereais, as proteínas (ovos, carnes e pescados), e o leite e os seus derivados son os piares dunha alimentación saudable. A isto hai que sumarlle beber moita auga e realizar exercicio físico de maneira regular.
Unha das misións da Asociación Española Contra o Cancro é a de informar, concienciar e previr á poboación, co obxectivo de reducir ó máximo o risco de padecer un cancro.
A Sede Local de Redondela conta cun despacho cedido polo Concello no segundo andar do edificio Multiusos da Xunqueira.