O almorzo é a comida máis importante do día? existe algún alimento que nunha semana remate co exceso de graxa? hai alimentos bos e malos? os ovos soben o colesterol? A estas e outras preguntas daralle resposta a dietista Lola Poza en dúas charlas sobre saúde e alimentación que se van celebrar no Multiúsos de Redondela e Chapela o xoves e venres, respectivamente, ás 20.00 horas.
Rematar con falsas crenzas na alimentación, aportar veracidade e solucionar dúbidas e o obxectivo desta dobre cita que baixo o lema “Énchete de vida” se desenvolverán esta semana en Redondela. Os mitos na alimentación, as falsas crenzas sobre o poder de certos alimentos que se propagan entre familiares e amigos e que fomenta a publicidade e a industria alimentaria serán os temas da charla que impartirá a dietista, Lola Poza, o xoves, 4 de abril, no Multiúsos da Xunqueira, ás 20.00 horas. Unha actividade participativa e interactiva na que esta profesional da nutrición tentará resolver todas as preguntas dos asistentes sobre alimentos milagre, dietas ou superalimentos. O venres a charla centrarase nos menús saudables para a familia. Poza dará pautas para ter unha despensa saudable, os alimentos que non poden falar nos nosos pratos e a necesidade de seguir unhas pautas e uns hábitos sinxelos que en pouco tempo permitirannos mellorar a nosa saúde a través da alimentación. A cita será no Multiúsos do Piñeiral do Crego, o venres, 5 de abril, ás 20.00 horas. Unha actividade promovida polo Concello de Redondela, de acceso libre e de balde, que pretende motivar aos asistentes a facer un cambio de hábitos que mellore a súa calidade de vida, dar a coñecer bos hábitos na alimentación, sensibilizar, concienciar e mellorar o coñecemento sobre nutrición e saúde.