Ademais da promoción das Escolas Deportivas Municipais coa inclusión de deportes minoritarios, defenden dende o BNG a recuperación da máxima categoría do fútbol feminino para Redondela, que desapareceu hai catro anos. “Moitas mozas teñen que irse fóra do concello, ao superar unha determinada idade para poder xogar” explica o candidato do Bloque Xoán Carlos González, quen entende que é fundamental “chegar a acordos cos distintos clubs de fútbol que existen no concello para, vía convenio ou subvencións diferenciadas, recuperar cunha modalidade moi simbólica na equiparación de homes e mulleres”.
Explica González que a través deste proceso de subvencións específicas poderíase recuperar “unha modalidade que nunca debeu desaparecer de Redondela”. Afirma tamén que é preciso “desenvolver unhas verdadeiras Escolas Deportivas Municipais, incluíndo os deportes minoritarios, como instrumento para a mellora da saúde, en todas as súas dimensións, facilitando o seu acceso ao conxunto da veciñanza”.