Este luns comezou o xuízo do crime acontecido na noite de San Xoán de 2017 no areal de Chapela no que falecía un mozo de 25 anos. O Ministerio Fiscal solicita para o acusado penas que suman un total de 42 anos por catro delitos: asasinato, asasinato en grao de tentativa, homicidio en grao de tentativa e tenza ilícita de armas. A defensa pediu a súa libre absolución, alegando que no momento dos feitos sufría intoxicación etílica e síndrome de abstinencia por consumo de heroína.
O acusado, José Luís Luna, declarou que na noite na que supostamente matou dun tiro a Daniel Beltrán, de 25 anos, estivera toda a noite bebendo e consumira ansiolíticos. Dixo non lembrar nada ata a súa chegada á comisaría. Nesta primeira xornada tamén declarou o amigo que acompañaba na noite do crime. Dixo que o acusado estaba mareado e que pensou que a arma que portaba era de xoguete.
Os feitos aconteceron na madrugada do 24 de xuño de 2017, na praia de Arealonga. Sobre as cinco da mañá, a vítima recriminoulle ao detido a súa actitude por ouriñar desde unha varanda cara á praia sobre unhas mozas. O arestora acusado puxo a súa arma no peito do mozo e sen mediar palabra disparoulle causándolle a morte case de inmediato.
O seu amigo achegouse para socorrelo cando xa estaba no chan. E unha vez alí reprochoulle ao acusado a súa conduta. Novamente este home apuntouno coa súa pistola. O rapaz conseguiu eludir o disparo tras saír correndo.
As comparecencias continuarán este martes con máis testemuñas. Será un xulgado popular o que xulgue o acontecido.