O Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela comezan con esta xornada un ciclo conxunto que, en forma de simposio e baixo a denominación xenérica “Seíam´eu… en San Simón”, terá lugar con carácter anual nesa illa. A inscrición é de balde e débese facer en liña no enderezo electrónico do Consello.
O ciclo escolleu como sede un emblemático construído como tal dende os albores da nosa cultura e centrarase en dúas liñas de traballo principais: a cultura medieval, evocada por Mendiño, o cantor da illa, e a memoria da emigración e do exilio, que deixou fonda pegada en San Simón e na súa contorna. Nesta primeira xornada que desenvolverá durante o venres día 26, o simposio ten como obxectivo avaliar a contribución das chamadas humanidades dixitais ao mellor coñecemento e divulgación da cultura medieval, nas súas diferentes facetas, da música á literatura, pasando polo patrimonio. Especialistas destas materias reúnense en San Simón para poñer en común as súas experiencias no uso desas ferramentas que abren posibilidades extraordinarias, non só para os avances científicos senón para a democratización do coñecemento e o gozo dos nosos bens culturais. Reflexionarase logo sobre os desafíos que supón divulgar hoxe a música medieval, ou editar os cancioneiros, pero tamén contemplaremos cunha nova ollada algúns tesouros do noso patrimonio material, das igrexas altomedievais ao recentemente restaurado Pórtico da Gloria.
Haberá un servizo de transporte marítimo para acceder á Illa que sairá ás 10:00 horas dende un peirao que regresará ao remate da xornada (arredor das 19:00 horas) e haberá un xantar na Illa para todas as persoas asistentes á xornada.