O vindeiro 3 de maio comezará o desmantelamento do Grupo de Seguridade Cidadá de Redondela que pasará a integrarse na Brigada local de Vigo. Unha situación que, segundo alertan os sindicatos policiais, suporá unha perda na calidade do servizo xa que ante un incidente os efectivos tardarán un mínimo de 20 minutos para desprazarse dende Vigo a Redondela. Ante esta situación un grupo de veciños ten en marcha unha recollida de sinaturas a través da páxina change.org e convocan unha concentración ás portas da oficina da Policía Nacional na zona da Marisma para o vindeiro martes 30 ás 20:00 horas.
Dende o SUP (Sindicato Unificado de Policía) denuncian que se está tratando a Redondela “como se fora un barrio de Vigo e aos funcionarios da policía como meros números sen ter en conta os cambios que suporá o seu traslado a comisaría viguesa”. Dende o SUP explican que esta situación supón un agravio para os redondeláns con respecto a outras cidades galegas “ao carecer de oficina de expedición de DNI, de oficina de denuncias 24 horas e dunha plantilla de seguridade cidadá” e lembran, que segue sen coñecerse cal é o Plan de Seguridade que a Xefatura da Comisaría lle prometeu ao alcalde. Unhas preocupacións que amosan tamén veciños e colectivos de Redondela que están a realizar diferentes accións de cara a informar á cidadanía sobre os prexuizos que supón a perda deste servizo. Explica Alvaro Bastos que a consecuencia inmediata será “un incremento no tempo de resposta ante calquera incidencia e unha merma do servizo porque os profesionais que veñan a Redondela non coñecerán as súas realidades”. Por estes motivos e “ante o inminente cese de actividade na comisaría de Redondela programado para o venres 3 de maio” decidiron convocar de urxencia unha concentración veciñal ante a comisará o vindeiro martes 30 ás 20:00 horas.