A candidata socialista á alcaldía, Digna Rivas, mantivo unha reunión con representantes dos colectivos de maiores enmarcada dentro das xuntanzas que desenvolve cos distintos colectivos redondeláns. A participación da terceira idade na vida de Redondela “non pode quedar restrinxida a viaxes, merendas e bailes” senón que debe ser moito máis activa “e de utilidade para a sociedade na que viven”, asegurou a candidata do PSOE aos representantes de colectivos de maiores.
A reunión, enmarcada dentro das xuntanzas que a candidata socialista mantén con colectivos sociais, culturais, empresariais e deportivos do municipio, buscaba tamén coñecer as inquedanzas e necesidades “dun sector da poboación que debe ter unha participación activa na toma de decisións xa que poden aportar ideas baseadas nas súa propia experiencia persoal ou profesional”.
Digna Rivas subliñou a necesidade de que o Concello organice actividades “elixidas polos propios maiores” nas parroquias do municipio “e que estas sexan rotativas de xeito que todas as parroquias poidan contar, en diferentes datas, coas mesmas actividades”.
Nese sentido, a concelleira e candidata socialista avogou pola necesidade “de que as persoas a quen van dirixidas esas actividades, sexan as que teñan unha participación activa no seu deseño ou na elección das mesmas”, xa que, engadiu, “ninguén mellor que vos para saber se unha actividade ou curso, é de interese ou de utilidade”.