O Concello de Soutomaior acaba de finalizar os traballos de recuperación do patrimonio que estaba a levar a cabo no lavadoiro do barrio de Rial. A actuación, enmarcada no Programa Municipal de Recuperación de Patrimonio, ten como obxectivo recuperar antigas zonas de uso colectivo, como as fontes e lavadoiros, para darlles unha nova vida e contou cun orzamento de 30.000 euros.
Estes puntos servían tradicionalmente como lugar de encontro entre os veciños, nos que ademais de lavar a roupa compartíanse experiencias e fortalecíase a comunidade. Para manter viva a esencia destes lugares, o lavadoiro recuperouse con materiais nobres e autóctonos, como o granito e a madeira, garantindo así a súa integración total na contorna.
Ademais de dar unha nova cara a todo o conxunto mediante unha limpeza e rexuntado de toda a mampostería perimetral, o chan de todo o recinto renovouse ao completo cun solado de pedra granítica de 3cm de espesor sobre o que se instalaron os novos alicerces de cantaría tradicional que sosteñen a nova cuberta a catro augas de tella cerámica plana.
Por último, tamén se renovou a instalación eléctrica de todo o conxunto mediante unha rede protexida e estanca que alimenta a nova iluminación led de baixo consumo. Os traballos contaron cun orzamento de licitación de 30.000 euros que foron financiados a través do Plan Concellos.