O equipo de Soutomaior superou amplamente o obxectivo da permanencia marcado a comezos de temporada. Xa no ecuador da competición soñaban con metas máis altas, e acadáronas. Remataron a liga na 4ª posición, e agora tentan seguir facendo historia na fase de ascenso a Prefente. O seu rival na semifinal é o Racing de Castrelos.
O técnico redondelán, Juan Amoedo, fala con moita satisfacción da temporada, na que o equipo superou todas as expectativas. As cousas foron “mellor do previsto” na Primeira Autonómica, xa que o obxectivo era a permanencia na categoría, á que chegaban recén ascendidos. Pero a competición, malia ser dura, colocou ao Arcade na parte alta da táboa, e os xogadores non se resistiron a seguir soñando. Remataron a temporada na 4ª praza , cunha renda de 7 puntos sobre o 5º, clasificado, o Racing de Castrelos. O último partido da xornada no Salgueirón, con goleada ante o Salvaterra (5-1), foi o broche de ouro a unha gran campaña na que destacaron os bos resultados na casa. Foron o mellor equipo local de todo o grupo. Agora están xa inmersos na preparación da Fase de Ascenso a Preferente. A semifinal será ante o Castrelos, outro dos equipos revelación da temporada, recén ascendido tamén á categoría. Amoedo augura un partido “moi duro” entre dous rivais semellantes, que teñen “moito que gañar e nada que perder”. O que ten claro o técnico redondelán e que o equipo vai pelexar “ata o final” e está convencido de que poden facer “algo grande”, xa que o equipo ten “moitas opcións” nesta fase de ascenso. A ida será este domingo no campo vigués do Monte da Mina, ás 17.30 horas. A volta no Salgueirón unha semana despois. O vencedor da eliminatoria medirase despois ao gañado da outra semifinal que enfronta a Umia e Gran Peña.