O partido de Javier Bas logra manter os seus apoios en Redondela con 9 concelleiros, pero afastado da maioría absoluta. O PSOE logra tan só un concelleiro máis facéndose con 7 representantes, mentres que AER perde apoios e queda con 3 concelleiros. O BNG, no reconto final, foi quen de incrementar a súa representación logrando dous concelleiros. Unha situación que volve deixar en mans da Agrupación de Electores a cor do futuro goberno de Redondela.
O Partido Popular gañou onte as eleccións en Redondela ao facerse con 9 concelleiros grazas aos 6.029 votos acadados. Unha maioría insuficiente fronte a un bloque de esquerdas que suma 12 concelleiros (PSOE,7; AER,3; BNG,2).
Con todo, a formación de goberno pasará en gran medida polo que decida a Agrupación de Electores, quen nos dous mandatos anteriores, coa súa abstención, permitiu que gobernase a forza máis votada.
O PSOE con 5.256 votos logra incrementar o seu apoio social con mil votos máis respecto das eleccións de hai catro anos, apoio que se traduce en sete concelleiros, un máis dos que ten actualmente.
AER, malia seguir sendo chave de goberno, perde respaldo con practicamente 700 votos menos. Os 2.164 votos obtidos permítelles manter tres concelleiros.
Logra remontar no reconto final o BNG, quen finalmente contará con dous representantes na corporación municipal grazas aos 1.325 votos obtidos (149 máis que nos comisión de 2015).
Nin Unidas Podemos (728 votos) nin Ciudadanos (526) acadaron as papeletas necesarias para facerse con representación no Concello.