“Permacultura. Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor” nace da necesidade de facer unha revisión deste sistema de principios de deseño agrícola, económico, social e político. Ademais de propor ferramentas para converter o noso día a día en sustentable. Grande desmonta mitos e tabús sobre este modelo con experiencias que están en funcionamento en Galicia.
Vinculado á permacultura e a proxectos ecosociais dende hai anos, Alexandre Grande Babarro, vén de plasmar eses coñecementos e experiencias nun libro, editado por Catro Ventos, no que ofrece unha visión global da permacultura dende a súa historia, pasando polos referentes e características, até propor algunhas ferramenta para atallar a crise ecolóxica, social e sistémica mundial, que di, estamos a vivir na actualidade. Un libro para reflexionar sobre a nosa pegada ecolóxica e no que se recolle por primeira vez exemplos que están activos arestora en Galicia como o caso do Ecolectivo en Vigo, a Casa Colorida en Nigrán, ou iniciativas na Estrada, Castro Caldelas ou en As Pontes, onde a través deste sistema se están xestionando cen hectáreas de terreo. Unha obra divulgativa que quere chegar a todo tipo de público para facer reflexionar sobre o modelo actual e as posibilidades de cambio que existen. O chapelán estará presentando “Permacultura. Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor” o domingo, 16 de xuño, ás 13.00 no Ecolectivo en Vigo e o luns 17 na Casa do Libro a partir das 19.30 horas.