Hai case un ano que as tendas e supermercados cobran polas bolsas de plástico. Os veciños de Redondela xa se acostumaron a levalas da casa e reutilizalas “por conciencia ecolóxica e por aforro”. Pero aínda hai demasiado plástico na compra diaria, e os consumidores demandan que se elimine tamén “o envasado excesivo e innecesario” de moitos produtos.
Hai case un ano que as bolsas de plástico xa non son de balde nos establecementos comerciais. Nun intento por redicur o seu uso, entrou en vigor unha normativa que obriga ao consumidor a pagalas desde xullo do ano pasado. E semella que o obxectivo cumpriuse, porque as tendas e supermercados despachan moitas menos bolsas. A inmensa maioría dos clientes usan bolsas “reutilizables” e lévanas da casa. En xeral “fano polo aforro”, como explica Cristina, que traballa nunha tenda de froitas. A bolsas adoitan costar entre 5 e 10 céntimos, pero os clientes prefiren non pagar este prezo. Tamén hai quen reduciu o uso de bolsas na súa compra “por conciencia ecolóxica”, como Almudena, xa que explica que o aforro realmente “non é moito”, pero entende que é neceario “reducir o plástico que consumimos”. Obrigar a cobrar as bolsas de plástico, normativa que comezou en xullo de 2018, foi o primeiro paso. A partir de 2021 prohibiranse todas as bolsas lixeiras e moi lixeiras que non sexan biodegradables. Unha medida que comparten moitos consumidores, xa que “non por pagar pode contaminarse o medio ambiente”, como explica Jose, quen sinala que se queren eliminar o plástico “deberían prohibilo”. Os veciños de Redondela tamén denuncian que esta normativa é “contradictora”, xa que se prohiban as bolsas para levar a compra “pero si se permita un envasado excesivo con plásticos, paquetes e bandexas de moitos produtos que son totalmente innecesarios”. Boa parte da cidadanía defende que se elimine “todo o plástico” e se utilicen envases feitos con outros materiais alternativos, ou mesmo de papel, como explica José Ramón, xa son moi contaminantes e fan “moito dano ao medio ambiente”. A Unión Europea acordou prohibir os plásticos de usar e tirar máis amplamente utilizados a partires de 2021. Cubertos, pratos, pallas, etc. serán retirados do mercado, así como produtos fabricados con plásticos oxo-degradables (por non ser biodegradables ) e algúns envases de poliesterino que se utilizan para comida rápida.