A bandeira do colectivo luce dende a mañá de hoxe no balcón do concello. Por primeira vez, o goberno local súmase con este acto ás celebracións do Día do Orgullo. Para darlle máis visiblidade tamén se pintou un banco coas cores do arco iris, símbolo do movemento, que se instalará nos soportais do Concello. Asistentes ao acto amosaban a súa satisfacción porque entenden que é preciso este tipo de xestos para “visiblizar algo que aínda está moi oculto en Galicia”.
“Respecto, inclusión, diversidade e integración” é o que busca esta iniciativa en palabras da alcaldesa Digna Rivas, quen engadía que se trata “dun día moi importante porque saldamos unha débeda histórica co colectivo LGTBI”. Pequenos actos como a colocación da bandeira no balcón do concello e pequenos xestos como o banco que luce xa todas as cores do arco iris, que buscan, engadía Rivas “que Redondela sexa cada vez máis un lugar comprometido coa igualdade, a integración e a loita que quere garantir que todos e todas temos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas independentemente da nosa orientación sexual ou identidade de xénero”. Un acto no que a alcaldesa estivo acompañada de boa parte dos concelleiros do seu grupo e ao que non faltou unha nutrida representación do grupo popular.