Substituiranse 59 puntos de luz por uns novos con tecnoloxía LED que suporán un aforro do 58% anual para as arcas municipais. Estímase que factura pasará dos 4.971 euros ao ano nesa zona a 2.078, é dicir, un aforro de case 3.000 euros anuais. Ademais, este descenso do consumo supón unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 16,2 toneladas ao ano. As novas luminarias suporán tamén unha mellora en canto a calidade da luz e, polo tanto, no referente á seguridade viaria nesa estrada.
A mellora ten un orzamento de 44.618 euros que serán financiados principalmente con fondos europeos, un total de 35.694 euros, e o convenio asinado entre o Concello de Soutomaior e a Deputación de Pontevedra dentro do seu programa “Iluminación Sustentable III”. Un investimento que, en base ao aforro previsto, estará amortizado ao 100% en menos de 10 anos, un prazo moi inferior ao tempo de vida estimado para as luminarias con esta tecnoloxía.
A nova iluminación LED, ademais de adaptarse ás novas normativas europeas de eficiencia enerxética, aumenta considerablemente a sensación de luminosidade, que se multiplica por tres en relación coas luminarias halóxenas anteriores, mellorando así a iluminación en toda a calzada durante o horario nocturno.
Ademais de ser máis eficientes, as novas luminarias LED tamén descenden notablemente a contaminación lumínica, principalmente nas vivendas próximas aos farois, xa que unha das vantaxes da tecnoloxía LED é que concentra o foco de luz sobre unha zona moi definida, algo que non lograban as antigas, permitindo que, ademais do aforro enerxético, os beneficios desta actuación tamén supoñan unha mellora para a seguridade viaria de peóns e condutores garantindo unhas óptimas condicións de visibilidade.