Fornelos de Montes acolle este domingo día 21 unha nova edición da súa festa gastronómica que busca das a coñecer o mellor produto da zona como é a carne dos tenreiros que pacen no Suído, e animar aos visitantes a que se acheguen a un municipio con innumerables atractivos, grazas ao seu enclave natural.
Unha carpa acollerá aos comensais nunha xornada na que se repartirán centos de racións de carne do Suído e 250 kilos de chourizo. Uns produtos elaborados de xeito artesanal con carne de animais criados en liberdade, produtos que se poderán degustar no lugar acompañados de patacas fritidas e pan a prezos populares -entre os 4 e os 6 euros- ou levalos para casa “cociñados ou sen cociñar”. Explican dende a organización que o prato que máis éxito está ater nos últimos anos é “a chanfaina fornelense” no que o chourizo se acompaña de ovos fritidos, patacas e pan de millo. A isto pódense engadir numerosas sobremesas tradicionais elaboradas polos veciños que colaboran activamente na festa para que ano tras ano se vaia superando na súa oferta gastronómica, apunta Cayetano Tamaño. Durante todo o día haberá música coa agrupación Sabrosito e a partir das 17:00 horas animación correrá a cargo da charanga Os Contentos, as 17:30 está prevista a actuación da coral Voces fornelenses e de seguido a banda de gaitas do Concello.