Este sábado 3 de agosto terá lugar unha das citas clásicas do remo, a XVI Bandeira Cidade de Ferrol de traiñeiras. Esta proba, a sexta do calendario da liga Galega de Traiñeiras B, terá lugar a partir das 18:00 horas na Cabana. As traiñeiras de Redondela tentarán facerse un oco entre as mellores.
Julio Prado, do club de Chapela, amósase satisfeito co rendemento da traíña, xa que malia dispoñer de pouco tempo de preparación, está a demostrar cada vez mellor nivel. Como cada ano, a esixente temporada de traiñeiras fai complicado completar un barco para competir con garantías, pero en Chapela foron quen de sumar veteranía e xuventude incorporando remeiros da categoría xuvenil “e están a facer unha excelente labor”. Na cita deste sábado farán un esforzo “extra”, xa que se trata da regata coa maior cantidade de premios, onde se reparten 9.000 euros. Remo feminino Na Liga Feminina as rapazas teñen descanso esta fin de semana. Volverán á competición os días 10 e 11 de agosto coa Bandeira Concello de Moaña o sábado e a Bandeira Virxe do Carme o domingo, no Grove. Prado amosou a súa satisfacción polo feito de que por primeira vez a competición equipare os premios das ligas masculina e feminina, un recoñecemento que é mérito “das propias deportistas, xa que é froito da presión feita polas remeiras para reivindicar os seus dereitos”. O presidente do C.R. Chapela, que é un pioneiros na aposta polo remo feminino, recoñece que se teñen dado moitos pasos de cara á igualdade de homes e mulleres no remo, pero advirte que “aínda queda moito que avanzar pola igualdade real”. Prado lamenta que neste deporte aínda existen comportamentos machistas nalgúns clubes “igual que en moitos outros ámbitos da sociedade”.