O equipo redondelán segue a traballar nunha intensa pretemporada. Se a semana pasada se impoñían ao Coruxo, este domingo mediranse ao Celta B en Portonovo. Será un partido moi especial cos redondeláns Jacobo e Marcos Montes no banco do filial celeste. Ás 20.00 no campo municipal de Baltar.
Ata o de agora os resultados son moi positivos para o equipo choqueiro. Con todo, o adestrador Gonzalo Fernández “Gonza” resta importancia ao marcador. Advirte que o máis importante é o xogo que está a facer o equipo “correxir erros e tentar estar o mellor posible de cara ao comezo de temporada”. Polo de agora o balance “é positivo”, o técnico está satisfeito co rendemento dos xogadores e da súa adaptación ás portas de comezar a liga, que será coma sempre “moi esixente” na Terceira División. Arrancan a liga o próximo 25 de agosto ante un grande da categoría, o Deportivo Fabril. Antes terán unha proba moi esixente este domingo. Desprázanse a Portonovo para medirse ao Celta B dos irmáns Montes. Un partido moi especial tanto pola entidade do rival como polo feito de enfrontarse a os dous adestradores redondeláns, moi vencellados ao Choco. “Gonza” asegura que será “moi emotivo” porque ademais o une unha amizade persoal a Jacobo e Marcos Montes, aos que lles desexa “o mellor” nesta nova etapa no fútbol profesional. En canto ao partido, asegura que o Choco sairá ao campo a facelo “o mellor posible” para aproveitar a experiencia como unha aprendizaxe ante un equipo “que vai esixir moito”. O encontro será o domingo, ás 20.00 horas, no Campo Municipal de Baltar.