Logo de varios anos sen celebrarse, o Concello recupera os festexos patronais facéndose cargo da súa organización. A xornada contará cos tradicionais actos relixiosos e actuacións musicais. A festa terminará pola noite coa clásica verbena na que non faltará a animación musical ademais dos tradicionais postos e atraccións.
O Concello de Pazos de Borbén celebra este xoves a súa festa patronal en honra a Santa María de Pazos. Unha celebración que levaba uns anos sen celebrarse e que o consistorio recupera agora facéndose cargo da súa organización. A xornada contará cos tradicionais ritos relixiosos e actuacións musicais. A festa terminará pola noite coa clásica verbena na que non faltará a animación musical ademais dos tradicionais postos e atraccións. Historicamente, a organización da celebración das festas patronais de Santa María de Pazos dependeu de varios colectivos. Orixinalmente dependía do consistorio local ata que, a mediados do século pasado, os emigrantes retornados de Brasil fixéronse cargo da festividade dado o seu alto poder adquisitivo. Xa case na década dos 70, practicamente sen emigrantes retornados, pasou a mans dos veciños que a mantiveron ata que hai uns poucos anos deixou de celebrarse. Agora o goberno local está decidido a recuperar a celebración facéndose cargo da mesma. “Manter vivas as nosas tradicións é unha forma de manter con vida a nosa historia”, destacou o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, quen engadiu que recuperar esta celebración “formaba parte do programa electoral que estamos a cumprir”. A xornada comezará coa celebración dunha misa solemne a partir das 12.00 horas que, ao seu termo, contará coa animación musical coa banda de música cultural de Arcade. Ás 19.30 horas comezará a tradicional verbena, que contará, ademais dos clásicos postos e atraccións, cun baile animado polo Trío Pentágono.