O filme, do realizador galego Ignacio Vilar, rodarase en Redondela, Cangas e Vigo. A vida de María Solinha mistúrase con outras lendas como a da Coca, e historias de veciños de Redondela como Antón, ou Palmira. No filme, que comeza a rodarse o próximo luns día 19, participan 600 figurantes.
A lonxa de Cesantes acolleu onte a presentación da película “Maria Solinha”. O filme de Ignacio Vilar contará a vida desta muller de Cangas que viviu no século XVI, e que foi torturada e queimada por meiga. A súa historia confrontarase no filme cunha visión da situación feminina actual. O director presentou o seu proxecto, cuxo rodaxe espera concluír o 20 de setembro, acompañado polo responsable de Agadic, Jacobo Sutil; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e as actrices Grial Montes e Laura Míguez. A alcadesa de Redondela amosou a súa satisfacción pola participación de Redondela como escenario nesta película, e tamén dos seus personaxes e lendas. A Coca será o símil do dragón que aínda hoxe “violenta” ás mulleres. Boullosa amosouse tamén moi satisfeito pola participación de Redondela neste traballo, e agardou que os escenarios e personaxes participantes “estean á altura”. Vilar fixo fincapé nos espazos naturais onde se vai rodar a longametraxe, que son tamén parte protagonista da historia, como é o caso da praia de Cesantes, as rúas de Redondela, ou Cabo Home, en Cangas. Ademais explicou que a historia de Solinha enriqueceuse “doutras historias” que foi coñecendo mentres preparaba a película. Como a lenda da Coca, que será “o dragón” que empreguen no filme, e historias de veciños de Redondela, como as que lle contou o patrón maior, Clemente Bastos, e que formarán parte da película. Vilar amosou o seu desexo de que a sociedade de hoxe “teña a mesma valentía que aqueles mariñeiros de Redondela que acabaron co dragón”. Un dragón que, con formas diferentes, segue atemorizando ás mulleres no século XXI.