A subdelegada de Goberno, Maica Larriba, presidiu onte xunto a alcaldesa Digna Rivas a xunta local de seguridade para poñer en marcha a coordinación de todos os efectivos cara o próximo sábado para a celebración do Entroido de Verán en Redondela.
Participaron na xuntanza os responsables do subsector de Tráfico da Garda Civil; da comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela, Policía Local, Protección Civil e membros do Grupo de Emerxencias. Neste encontro analizouse o plan de auto-protección da festa así como os dispositivos que vanse a empregar para garantir a seguridade dos asistentes. A alcaldesa informou que nesta ocasión o servizo de autobuses cara as localidades de Vigo, Porriño e Pontevedra rematarán as cinco da mañá co que esperan dende a corporación local que a festa non se converta nun “macro botellón”. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno felicitou a alcaldesa “por ter preparado toda a festa nun prazo tan corto tras a súa toma de posesión no pasado mes de xuño”. Larriba subliñou o importante que é “garantir a celebración e o ocio, e tamén o descanso dos veciños de Redondela”. Operativo de tráfico No que respecta aos distintos operativos, a Policía Nacional vai reforzar a súa habitual presenza na localidade con diversas patrullas procedentes de Vigo así como coa chegada da UPR. Tamén a Garda Civil de Tráfico vai a efectuar un amplo despregamento de efectivos para o control de alcoholemias e o consumo de drogas. Polo tanto as autoridades recomendan o traslado ate a vila nos transportes colectivos xa que a Garda Civil pretende garantir que todo aquel que se poña o volante dun vehículo “o faga en condicións óptimas”. Por último, Digna Rivas quixo agradecer a “dispoñibilidade” da subdelegada que prestou toda a súa colaboración para que a festa teña “toda a seguridade posible”.