O último filme do realizador galego Ignacio Vilar está a rodarse estes días en Redondela, ademais doutras localizacións como Cangas e Vigo. A vida de María Solinha mistúrase coa historia de veciños de Redondela e a lenda da Coca, co dragón como protagonista.
O equipo técnico e artístico de María Solinha ten hoxe unha intensa xornada de actividade en Redondela. Pola mañá en Reboreda, na casa do pintor Ángel Barros, e pola tarde na praza Reveriano Soutullo. A historia desta canguesa do século XVII “que quería ser libre e morreu na fogueira acusada de bruxería” centra a película. Pero a súa vida mistúrase con outras historias, con lugares e lendas. Vilar explica que cando comezou a traballar nos preparativos do filme foi coñecendo historias que pasaron a formar parte da película. Como a lenda da Coca, que será o dragón que aínda hoxe, aínda que con outra faciana “segue a atacar e ultraxar ás mulleres”. Vilar amosa o seu desexo de que a sociedade de hoxe “teña a mesma valentía que aqueles mariñeiros de Redondela que acabaron co dragón, que agora no século XXI ataca ás mulleres en manada”. Por iso Redondela, a illa de San Simón onde se refuxiaba a Coca e Cesantes son tamén protagonistas da película, ao igual que vidas como a do pintor Ángel Barros. A obra do artista redondelán, con réplicas de Goya ou Velázquez, deixou impresionado a Ignacio Vilar, que esta mañá gravou esceas da película na casa do pintor, en Reboreda. Figurantes para recrear a Festa da Coca Para a rodaxe desta tarde buscan figurantes. Os interesados deben achegarse hoxe venres á Praza Reveriano Soutullo de 14.30 a 20.30 horas. Os figurantes participarán nunha recreación da Festa da Coca coa Danza das Espadas e as Penlas, que formará parte da película. Hai unha segunda cita o 13 de setembro, no Multiúsos da Xunqueira, en horario de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 15.30 a 20.00 horas para gravar unha das escenas centrais da longametraxe, que narra a vida da canguesa María Solinha, acusada de bruxería no século XVII. Os interesados poden contactar co equipo técnico no teléfono 615411090 ou no enderezo electrónico xacabla@gmail.com.