En colaboración con Afaga, o Concello de Redondela pon en marcha este mes un programa de estimulación terapéutica dirixido a persoas con deterioro cognitivo. O servizo prestarase nos Multiusos de Redondela e Chapela, e servirá tamén como “respiro familiar” para os coidadores.
A alcaldesa, Digna Rivas, cunto coa concelleira de Servizos Sociais Marta Alonso, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, presentaron esta mañán o programa, que arranca este mes de setembro. A actividade ten un dobre obxectivo, por unha banda ofrecer atención específica para persoas con demencias en fase “leve”, que lle axude a relentizar o seu deterioro cognitivo, e por outro, ofrecer un “respiro” ao seus coidadores, en moitos casos familiares que se atenden aos enfermos “24 horas ao día”, segundo explica Juan Carlos Rodríguez. O programa conta con exercicios tanto cognitivos como ocupacionais, para evitar que os enfermos perdan as súas destrezas nas actividades diarias. Realizan exercicios de memoria, axilidade mental, ximnasia e tamén obradoiros de cociña, xogos, manualidades e de musicoterapia. O obxectivo é “manter e fomentar a independencia da persoa o maior tempo posible”, xa que con estes exercicios “se retarda o avance do deterioro da memoria”. A alcaldesa amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste programa, e avanzou que o obxectivo do goberno local é ir “máis aló” para crear en Redondela unha Unidade Terapéutica de Demencias. Sinala que, polo volume de poboación, o municipio precisa deste servizo “xa que hai unha elevada demanda por parte das familias”. Asegurou que o proxecto que agora arranca en Redondela é Chapela é “un primeiro paso”, e que a intención do Concello é ampliar a atención aos enfermos e as familias con máis servizos a partir do próximo ano. O programa de estimulación terapéutica comeza este mes nos multiúsos de Redondela e Chapela. Os luns e mércores de 10.30 a 13.30 horas na Xunqueira, e os martes e xoves no mesmo horario no Piñeiral. Cada grupo estará composto como máximo por 10 persoas. Os interesados poden informarse no teléfono de Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia) 986229797 e no departamento de Servizos Sociais do Concello 986402608.