“A empresa de apostas ten que saber que non é benvida en Redondela” así de claro o amosaron o medio cento de persoas que nunha asemblea celebrada onte decidiron poñer en marcha unha serie de accións que arrancarán o vindeiro luns 23 de setembro cunha concentración, ás seis da tarde, diante do local que está a ser reformado para albergar este negocio na rúa Ernestina Otero. Ademais da mobilización cidadá, os participantes na reunión acordaron constituírse en Plataforma e poñer en marcha accións de sensiblización, recollida de sinaturas así como estudar medidas legais encamiñadas a evitar a apertura da casa de apostas.
“Sendo conscientes dos perxuízos que supón a apertura dunha Casa de Apostas en Redondela para a xuventude e a sociedade en xeral, cremos importantísimo organizarnos para frear a súa apertura” así o manifestaron unanimemente os veciños, entres os que se atopaban tamén representantes das Anpas dalgúns centros educativos de Santa Mariña, na asemblea celebrada onte na Casa da Cultura.
Ademais de barallar diferentes medidas como poñerse en contacto con outros colectivos que lograron evitar a instalacións deste tipo de negocios en localidades como Navia ou Ribadeo, a primeira das medidas adoptadas “ante a urxencia da situación” é saír a rúa para manifestar o descontento da cidadanía ante este tipo de establecementos.
Insistiron tamén na idea de que a elección do lugar non é casual, a escasos metros de varios centros educativos e instalacións deportivas moi empregadas pola xuventude “un grupo vulnerable en canto á adicción ao xogo” motivo polo que convidan a Asociación de Pais e Nais, clubs deportivos e a cidadanía en xerla a sumarse a protesta que terá lugar o luns 23 ás 18:00 horas ás portas do local no que se prevé instalar a sala que incluirá un bar, un mini casino con diferentes xogos e a posibilidade de realizar todos tipo de apostas.
Solicitarán tamén á corporación municipal que se implique e se posicione en contra deste tipo de negocios e que se estuden os recursos legais aos que se podería recorrer para paralizar esta instalación “como o feito de que se atope a menos de 150 metros do Conservatorio”.