Recuperar a memoria e as historias persoais das ducias de deportados galegos que finaron ou pasaron polos campos de concentración nazis é o obxectivo da investigación que dende hai tres anos realiza María Torres en colaboración coa Asociación para a Recuperación da memoria. Este sábado impartirá no Multiúsos da Xunqueira unha charla centrada principalmente nos datos que manexa dos catro deportados de Redondela. Fai un chamamento a achegar calquera nova información que serva para dar a coñecer aos deportados pontevedreses.
Dende hai tres anos está a mergullarse en arquivos, documentación e libros na procura de datos que lle permitan contar esas historias inxustamente esquecidas. Unha investigación que recoñece complexa e lenta porque os datos hai que buscalos lonxe do noso territorio “os arquivos españois serven para coñecer os anos nos que os deportados aínda estaban en España pero hai que recorrer a documentación que se atopa en arquivos de Alemaña , Austria, Estados Unidos e outros países para coñecer o seu periplo”. Torres explica que a investigación parte do censo de deportados elaborado por Benito Bermejo e Mercedes Núñez hai 12 anos, pero que a partir de aí hai que seguir investigando para coñecer quen eran esas persoas, como acabaron nos campos e que foi o que lles pasou aos poucos que lograron saír con vida. De todo isto falará na charla deste sábado ás 20:00 horas no Multiúsos, un acto en paralelo á exposición que ata o 29 deste mes se pode visitar nese espazo baixo o título “Boix Fotógrafo de Mauthausen”. Unha charla na que se centrará particularmente nos catro deportados redondeláns: José María González Vázquez de Quintela, Alejandro Lafuente Pouse e Olimpio Míguez Pazos naturais de Redondela, e Antonio Piñeiro Otero de Chapela.