O PP levará ao vindeiro pleno a situación de “parálise e inmobilismo do goberno municipal” ante o desmantelamento das oficinas da Policía Nacional en Redondela, logo de que dos 14 axentes destinados no noso concello se pasara a tan só cinco e se procedese a pechar esa oficina en horario de tarde “malia o compromiso da subdelegada do goberno de manter os mesmo servizos que se ofrecían dende o ano 2000”.
Os integrantes do grupo municipal do PP reuníanse na tarde deste martes con representantes da plataforma cidadá contra o desmantelamento da Comisaría de Redondela, colectivo que reclama persoal e medios adecuados para as oficinas da Policía Nacional. Este colectivo amosou a súa preocupación porque dende o goberno municipal non se esixa á Subdelegada do Goberno medidas contundentes para que esta Comisaría non sexa “un espazo fantasma”.
Lembran que a día de hoxe hai tan só 5 axentes fronte aos 14 que atendían o servizo, e ademais a oficina pola tarde está pechada, malia o compromiso que a Subdelegada do goberno adquirira antes das eleccións municipais de que se manterían os mesmos servizos de atención cidadá que se viñan ofrecendo dende o ano 2000, é dicir, con atención de 8:00 a 14:00 de luns a venres incluídos os festivos e un funcionario que atendería polo tarde demandas urxentes como denuncias de violencia de xénero e delitos graves.
“Algo que non se está a cumprir” denuncian os populares quen esixen da alcaldesa “que deixe o inmobilismo partidista e que defenda Redondela ante o seu partido en Madrid”. “Non podemos seguir permitindo situacións como as vividas na semanas pasadas onde a policía Nacional tardou 45 minutos en chegar ante un suceso dun intento de Suicidio” conclúe Amoedo.