Nova concentración este luns diante do local no que se proxecta abrir una casa de apostas en Redondela. Nais, pais e veciños puxeron de manifesto o seu rexeitamento a apertura deste tipo de instalacións ao carón de varios centros educativos, conservatorio e instalacións deportivas e advirten dos perigos que supón para os máis novos. Unha concentración á que asistía a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen manifestaba o rexeitamento do goberno a este tipo de negocios e reiteraba que dende o Concello “xa se fixo todo o que administrativamente era posible tendo en conta que a competencia é da Xunta de Galicia”.
“O xogo destroza vidas e familias e é a terceira causa de suicidio en España”. Advertencia que facía este luns a Coordinadora contra a casa de apostas, que fixo un chamamento a toda a veciñanza a unirse ás manifestacións que convocan todos os luns ás seis da tarde, porque este é “un problema de todos”. Instan ao goberno local a que faga un posicionamento institucional en contra da casa de apostas e a todos os partidos políticos con representación municipal e pídenlle á Xunta que paralice a súa apertura como fixo en Ribadeo, ademais de modificar a lei para que non se poidan instalar este tipo de negocios a menos de oitocentos metros dos centros educativos.