O Concello celebra o “anuncio” feito pola Xunta de tramitar o financiamento para o PXOM aínda que lamenta “que careza da mínima lealdade institucional ao facerlle o anuncio á oposición antes que ao propio Goberno local”. Engade a alcaldesa, Digna Rivas que “polo visto, a Xunta, tres meses despois das eleccións, aínda non ten constancia que houbo relevo na alcaldía de Redondela”.
O compromiso da de tramitar a solicitude do financiamento “para que Redondela teña Plan Xeral” feito pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas ao PP de Redondela, foi acollido con reservas polo goberno local que lembra que a mediados do 2017, dende os servizos de Urbanismo do Concello “remitiuse a documentación pertinente para a sinatura deste convenio e nunca se tivo contestación por parte da administración autonómica”.
A alcaldesa, Digna Rivas lamentou, en todo caso, o que considera “unha nova mostra de deslealdade institucional e de falta de respecto á veciñanza de Redondela” o feito de que dito anuncio fora transmitido ao PP “actualmente na oposición” en lugar de comunicarllo en primeiro lugar “ao Goberno como representante dos veciños e veciñas e como mandan as mínimas regras de cortesía institucional”.
O Goberno local considera “cando menos curioso” que o PP asegure que “tiveron que liquidar un anterior proxecto de PXOM feito ás costas dos veciños” cando os populares tramitaron un plan “con tal grao de escurantismo que os partidos da oposición miráronse na necesidade de abrir puntos de información nas súas sedes para dar conta á veciñanza da situación do Plan e do xeito en que podían presentar suxestións ao mesmo”.
Sorprende tamén, sinala o Goberno redondelán, que de pronto ao PP lle entre a presa “esa que non tivo mentres gobernaba” para avanzar neste documento. Neste sentido explican dende o goberno que en dous meses efectivos de Goberno “houbo xa dúas reunións co equipo redactor e convocouse unha comisión informativa na que se expuxo o estado de tramitación do PXOM” é dicir, aclara o Goberno de local, “posiblemente máis cousas das que fixo o PP neste sentido nos últimos seis meses”, de aí que “sorprenda a urxencia que de pronto lle entrou que non era a mesma, evidentemente, que cando estaban gobernando”.
Recoméndalle o Goberno que preside Digna Rivas ao PP “mesura e prudencia” e que postos a explicar, expliquen á veciñanza o motivo polo que “existen expedientes de disciplina urbanística sen tramitar por orde expresa da anterior concelleira, expedientes con orde de execución que non se cumpriron e nos que rexeitou asinar as correspondentes multas coercitivas para que se executaran”.