Coñecida pola súa participación en diferentes movementos sociais, Olga Rodríguez Puga amosa a súa satisfacción por volver participar desta candidatura que entende “ten que traballar de xeito intenso para volver recuperar a confianza dos que nos votaron en abril” porque é imprescindible “convencer a toda a veciñanza progresista que está desanimada de que ten que ir votar novamente e que non é unha opción quedar na casa”.
A agrupación Socialista de Redondela celebra que Olga Rodríguez Puga repita como candidata na lista socialista ao Congreso “unha muller implicada no tecido asociativo da Vila e con experiencia profesional e de emprendemento, de sobra preparada para defender os intereses da veciñanza de Redondela no Congreso dos Deputados” afirman os socialistas. Olga considera que “repetir novamente na candidatura ao Congreso é un orgullo para min e sobre todo unha responsabilidade, temos que conseguir convencer a toda a veciñanza progresista que está desanimada que hai que ir votar o 10N.” A candidata socialista afirma rotunda que “non podemos deixar que o PP abrazado a Vox recupere espazo, teño claro que un voto para o PP será un voto para poñer a Abascal de Vicepresidente e iso sería un retroceso enorme para todo o país.” Os socialistas repiten as listas do 28 de abril onde acadaron un resultado histórico quedando como primeira forza na provincia e en Galicia.